Punto Laranxa contra o acoso e o ciberacoso escolar

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publicou recentemente o Plan Integral contra o acoso e ciberacoso escolar, así como a actualización do Protocolo educativo para a prevención, detección e tratamento do acoso e ciberacoso escolar, os cales poden ser consultados na páxina web do centro, na pestana Documentación.

Unha das medidas establecidas nestes documentos é a instalación do denominado Punto Laranxa en cada un dos centros de ensino. Trátase dun espazo físico onde calquera persoa poderá denunciar de xeito anónimo unha situación de posible acoso ou ciberacoso escolar.

Este punto consta dunha caixa onde calquera persoa pode depositar información relativa a unha posible situación de acoso ou ciberacoso escolar e, ademais, dun pequeno espazo onde o centro será quen de incorporar información adicional relacionada con esta temática.

No noso centro este punto laranxa atópase colocado na parede de enfronte á entrada ao auditorio (ao lado da porta da cafetería).