ACCESO AO GRAO ELEMENTAL
Requisitos
O acceso ao grao elemental está limitado a rapaces de entre 8 e 14 anos cumpridos ou a cumprir no ano natural. Para realizar a proba é necesario realizar unha inscrición previa e aportar o DNI ou documento de identificación fidedigno do alumno.
O PRAZO PARA FACER A PREINSCRICIÓN Á PROBA DE ACCESO A 1º DE GRAO ELEMENTAL SERÁ do 15 de abril ao 3 de maio de 2024.
A solicitude realizarase de xeito online pero ningunha solicitude será valida ata que sexa enviada á secretaría do centro dentro do plazo (ata o 3 de maio ás 14 horas).
Proba de acceso
O acceso ao grao elemental será a partir dunha proba na que se avaliarán a aptitude rítmica, auditiva, vocal e a psicomotricidade do alumno. Dita proba realizarase entre o 7 e o 14 de xuño de 2024 e só será válida para obter posto escolar no centro onde se realice.
As prazas de cada unha das diferentes especialidades asignaranse segundo a cualificación final obtida polos aspirantes tendo en conta únicamente a especialidade solicitada no formulario de inscrición da proba. No momento da inscrición só se poderá escoller unha especialidade.
O alumnado que non acadara praza na especialidade pola que tivera optado no mes de maio, e non resultase chamado pola súa lista de agarda, poderá optar ás prazas vacantes que resten noutras especialidades (se as houbera). A elección dunha destas prazas implica a renuncia automática á posición na lista de agarda na especialidade pola que optara inicialmente. As prazas ofertadas sairan publicadas nos días previos ao acto que se levará a cabo a finais de xuño.
Os aspirantes disporán dun máximo de dúas convocatorias para acceder ao 1º curso, que se agotarán no caso de suspender ou non presentarse.
O alumnado do centro que queira cursar outra especialidade deberá presentarse ao acceso nun curso diferente a 1º. Polo tanto, ningún alumno do centro poderá concorrer ás probas de acceso de 1º GE.
ACCESO AO GRAO PROFESIONAL
Requisitos
Para acceder ao grao profesional non será preciso ter superado o grao elemental de música. Para realizar a proba é necesario realizar unha inscrición previa para o que será preciso presentar:
- Solicitude cumprimentada
- Impreso de taxas pagado (tarifa normal 34€)
- DNI ou documento fidedigno de identidade.
O PRAZO PARA FACER A PREINSCRICIÓN Á PROBA DE ACCESO A 1º DE GRAO PROFESIONAL SERÁ do 15 de abril ao 3 de maio de 2024.
A solicitude realizarase de xeito online pero ningunha solicitude será valida ata que sexa enviada á secretaría do centro dentro do plazo (ata o 3 de maio ás 14 horas).
Proba de acceso
O acceso ao grao profesional será a partir dunha proba que constará de dous exercicios, que terán carácter eliminatorio e consistirán en:
- Interpretación, no instrumento da especialidade á que se opte, de tres obras de libre elección de diferentes estilos, unha das cales será interpretada de memoria.
- Exercicio teórico-práctico para avaliar os coñecementos de linguaxe musical.
Cada un dos exercicios cualificaranse de 1 a 10 e cumprirá unha cualificación mínima de 5 puntos para superar cada un. A puntuación definitiva da proba será unha media ponderada do seguinte xeito:
- Proba de interpretación instrumental: 70%
- Proba de linguaxe musical: 30%
Os contidos, criterios de avaliación así como os listados orientativos das obras poden consultarse nas programacións didácticas dos distintos departamentos que se atopan nesta web: https://conservatoriomanuelquiroga.gal/web/programacions/
As probas realizaranse entre o 7 e o 14 de xuño de 2024 e só dá dereito a matricularse no correspondente curso académico e no centro no que se realizou a proba de acceso.
Os aspirantes disporán dun máximo de dúas convocatorias para acceder a este curso e outras dúas convocatorias para acceder a outro curso distinto de primeiro.
Se o número de solicitantes é superior ao de prazas ofertadas, a adxudicación destas realizarase por orde de puntuación na proba de acceso e, de ser igual a cualificación, desempatarase pola puntuación obtida na parte instrumental.