O CMUS estrea nova web

A web do conservatorio inicia no 2024 unha nova etapa con aires renovados, pero mantendo a esencia de sempre e o compromiso de construír un espazo para todos. O obxectivo é seguir apostando pola información ao servizo da comunidade educativa e de promocionar a actividade do noso centro. A web estrea novo deseño, estrutura e organización da información para optimizar a experiencia de usuario.

Nesta nova etapa, a información de portada organízase en tres grandes bloques. No Taboleiro publicaranse avisos, convocatorias e información de tipo académico. A Axenda será o espazo onde se publicarán os concertos e actividades do conservatorio. E no apartado Revista publicaranse novas, así como materiais de concertos e outras actividades.

Outros dos retos foi unificar a información de cada Departamento didáctico, que na nova web conta cun espazo propio onde se pode acceder á listaxe de profesorado que imparte as diferentes materias, así como consultar os horarios de titorías, descargar as programacións didácticas e manterse informado das actividades do departamento. De maneira que profesorado, alumnado e familias poidan acceder a toda a información dunha maneira directa, rápida e sinxela.

A Biblioteca estrea tamén unha web propia para poñer en valor o patrimonio que atesoura con centos de fondos entre partituras, libros, rexistros fonográficos e materiais audiovisuais, e a través dunha ligazón poderá accederse ao catálogo en liña para consultar os fondos dispoñibles. E a través da súa sección de blog, manterase informado á comunidade educativa das novidades.

Outra ferramenta que permitirá acceder á información é o buscador ubicado na parte superior da web no cal os usuarios poderán escribir as palabras clave e realizar a busca correspondente.

Agardamos que estas e outras novidades que se irán activando nas vindeiras semanas e dende as que se están a traballar dende o Equipo de Plan Dixital e Coordinación TIC sexan de utilidade e que fagan da web unha ferramenta de todos para todos.

[información actualizada o 19/1/2024]