O Conservatorio Manuel Quiroga é o herdeiro do histórico Conservatorio de Pontevedra, fundado en 1863, o que o converte nun dos máis veteranos ( se non o que máis) dos conservatorios deste nivel actualmente en funcionamento en Galicia.
O centro constitúe un referente no ensino musical da cidade e mesmo da provincia.
Desde o ano 1992, o conservatorio intégrase dentro da rede pública de conservatorios de titularidade da Consellería de Educación, impartíndose os grados elemental e medio dos plan de estudios regulados no RD 268/1966 ata a súa extinción, e o regulado no 253/1993 en vixencia e os LOE/07 do 27 de setembro.
En canto á localización o cambio máis significativo, tense dado sen dúbida en setembro de 2004, cando o conservatorio abandona definitivamente o edificio da rúa Alfonso XIII no centro da cidade, para trasladarse ás novas instalacións na Avda. Juan Carlos I, no que nese momento era un barrio periférico, e agora vai sendo cada vez máis un espazo plenamente urbanizado dentro da cidade.
Isto fixo incrementar a nosa oferta educativa, o que tamén conlevou a un incremento constante do noso alumnado, desde os escasamente 400 alumnos do 2004 ós máis de 500 dos que dispoñemos agora mesmo. Incremento na plantilla de profesores (45 no curso 2004/5 fronte ós 61 do curso actual). Incremento das especialidades, ofertando tamén Música Antiga.
O edificio actual comprende un total de 3200 m2 aprox., distribuído en catro andares, ós que se suma aparcadoiro para 26 prazas e xardíns. O centro conta coas seguintes instalacións:
- 35 aulas de ensino instrumental.
- 8 aulas de ensino non instrumental
- 2 aulas de música de cámara.
- 1 aula polivalente.
- 1 aula de informática aplicada á música
- 20 cabinas de estudio
- 3 despachos
- 1 sala de secretaría
- 1 conserxería
- Sala de profesores
- Auditorio con máis de 200 localidades
- Biblioteca-fonoteca
- Cafetería
- Aseos, cuartos de limpeza
- Almacén xeral e cuartos de instalacións (no soto)
Especialidades ofertadas:
Acordeón, Canto, Clave, Clarinete, Contrabaixo, Fagot, Frauta de bico, Frauta travesa, Guitarra, Instrumentos de Corda Pulsada do Renacemento e do Barroco, Óboe, Percusión, Piano, Saxofón, Trombón, Trompa, Trompeta, Tuba, Viola de gamba, Viola, Violín, Violonchelo.