A TODOS OS MEMBROS DA COMUNIDADE EDUCATIVA
Ao longo do mes de novembro, e por convocatoria das autoridades administrativas de educación, desenvolverase o procedemento para a renovación parcial do Consello Escolar deste centro.
O Consello Escolar é o órgano de xestión e representación do centro, e ten importantes atribucións de tipo administrativo e académico. Nel están representados todos os colectivos que integran a comunidade escolar: profesores, pais/nais/titores, alumnos e persoal de administración e servizos, así como a dirección do centro e o representante do concello.
O día 16 de outubro, ás 11 horas, terá lugar o sorteo público para designar os membros da Xunta electoral.
Do 20 ao 26 de outubro, constituirase a Xunta Electoral, procedendo a aprobar o calendario electoral, a lista de prazas vacantes, os censos provisionais así como a composición das mesas electorais.
O prazo para a presentación de candidaturas é entre o 27 de outubro e o 4 de novembro, ambos incluidos, mediante instancia que se poderá recoller e presentar na conserxería ou na secretaría do centro.
As eleccións celebraranse entre os días 23 e 27 de novembro, na mesa electoral que se habilitará ao efecto no vestíbulo do centro, nas datas establecidas no calendario para cada colectivo.
Dada a relevancia que o Consello Escolar ten no organigrama e bo funcionamento do centro, animámosvos a todos a participar activamente nas votacións, ao obxecto de que cada colectivo se atope debidamente representado neste órgano.
